Construído no ano 1.899 levántase altivamente unha das obras máis destacadas do mestre canteiro Xosé Cerviño, escultor de famosos cruceiros en toda Galicia e recoñecido especialmente pola obra do "Cruceiro de Hio" no municipio pontevedrés de Cangas do Morrazo . Para Hipólito de Sá a interpretación do conxunto da obra debe de ter un carácter relixioso, podéndose aceptar como posible a seguinte: o Cristo na parte máis alta como redentor, a súa nai a continuación que colabora na obra de salvación, os nosos primeiros pais, despois o pecado, a serpe que o provocou, na base o purgatorio e na parte central o camiño de salvación para o home a través das catro virtudes cardinais; Fortaleza, Temperanza, Xustiza e Prudencia. Outra tese defende que as figuras da súa parte media representan as Artes Liberais: Arquitectura, Escultura, Pintura e Música. A máis popular e comunmente aceptada é a que defende que estas figuras simbolizan a Agricultura, a Industria, a Xustiza e as Artes, sendo así alegorías profanas e incorporando con elas os valores de progreso e desenvolvemento do novo século que supoñen unha mensaxe de esperanza para un futuro mellor e máis xusto. É esta interpretación a que fai do Cruceiro de Covelo unha peza única ó incluír figuras e conceptos modernos, alleos o carácter exclusivamente relixioso dos restantes máis de 10.000 cruceiros de Galicia.

Fonte, entre outras: O libro "O Cruceiro de Covelo : Santísimo Cristo dos aflixidos, obra de Xosé Cerviño, exemplar único". Autor: Maximino Fernández Sendín . Ano de edición: 2003. I.S.B.N.: 84-607-8451-7.