Actualidade e Noticias



Aberto o prazo de inscrición para solicitar as axudas á natalidade do Concello de Covelo
- 26/09/2024 -

Para estas axudas de fomento da natalidade e apoio ás familias o Concello destina unha partida de 4.000€
Co obxectivo último de fomentar a natalidade e co inmediato de dar unha axuda ás familias de Covelo que teñan fillos por nacemento ou adopción o Concello informa que ata o un de decembro está aberto o prazo para solicitar as axudas por natalidade. O governo liderado por Pablo Castillo pon en marcha unha nova convocatoria da que se poderán beneficiar as familias empadroadas no concello que ademais teñan a súa residencia efectiva, polo que tanto as persoas beneficiarias como as súas fillas e fillos deberán vivir habitualmente en calquera das parroquias do concello de Covelo e seguir empadroados e residindo ata dous anos despois da recepción da axuda..

 

O alcalde, Pablo Castillo, adianta que “seguiremos apoiando ás famílias ao longo da infancia das súas fillas e fillos coas axudas para material en educación infantil, ofrecendo servizos que faciliten a conciliación familiar e laboral como a aula matinal en colaboración coa ANPA do colexio Antonio Blanco ou os campamentos de verán; servizos como o de Atención Temperá para aqueles/as que precisen un seguemento específico ou actividades de lecer e obradoiros nos que promover a súa creatividade e todo o que estea nas nosas mans”.

 

Para estas axudas, que tamén perseguen fixar poboación no rural, o Concello destina unha partida de 4.000€ correspondendo un total de 500€ a cada neno ou nena nado ou adoptado entre o 1 de decembro de 2023 e o 30 de novembro de 2024. “Unha medida de apoio que atopa o seu fundamento na lóxica necesidade de que, sendo a natalidade un beneficio para todas as persoas, é lexítimo axudar as nais e pais a soportar as indubidables cargas materiais que se ocasionan sobre todo nos primeiros meses de vida dunha nena ou un neno”, engade o alcalde.

As bases para solicitar estas axudas están xa dispoñibles na páxina web do Concello.



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade