A ruta do río Alén percorre parte do territorio da parroquia de Barcia de Mera tendo como eixo o cauce fluvial e o val de aluvión deste río que aporta as súas augas ó río Tea (ambos forman parte da Rede Natura 2000, a rede europea de espazos naturais protexidos), constituindo no seu conxunto unha das redes fluviais mellor conservadas do sur de Galicia en canto a calidade das súas augas, os seus hábitats de ribeira, e especies animais e vexetais.
O roteiro esta conformado por unha parte circular que arranca e regresa á capela de San Xoán do Mosteiro (aprox. 3 km.), e unha parte lineal que conecta este punto cos muiños de Portafurado pasando polo conxunto abacial de San Martiño de Barcia de Mera (aprox. 3,5 km.). A súa lonxitude total se aproxima ós sete kilómetros.
Tipo de sendeiro en canto o seu interese: Patrimonio histórico/artístico e medioambiental.
Lonxitude total (con inicio e remate nos muíños de Portafurado): 10 Km.
Dificultade: Media.
Información asociada:
A metade noroeste do concello de Covelo caracterízase polos abruptos desniveis creados polo río Alén no seu discurrir entre a Serra do Suído e o Coto de Eiras. Este río que forma parte da Rede Natura 2000, a rede europea de espazos naturais protexidos, drena as caeiras e planaltos destas dúas serras para aportar as súas augas ó río Tea, formando no seu conxunto unha das redes fluviais mellor conservadas do sur de Galicia en canto a calidade das súas augas, os seus hábitats de ribeira, e especies animais e vexetais. O roteiro do Alén ofrécenos a oportunidade de achegarnos ós valores naturais deste afluente do Tea, de xeito particular no tramo comprendido entre a ponte do Alén e San Xoán de Mosteiro. Dous hábitats de bosque destacan neste percorrido: o bosque de ribeira de amieiro (Alnus glutinosa) e freixa (Fraxinusangustifolia), hábitat de conservación prioritaria segundo a normativa comunitaria, e unha noviña carballeira termófila dominada polo carballo (Quercus robur) e o loureiro (Laurus nobilis), que constitúe un dos tipos de bosque máis ameazados de Galicia ó ter coincidido a súa área de distribución natural co asentamento dunha densa poboación humana na franxa costeira do país.
Nas especies vexetais a xilbarbeira (Ruscus aculeatus), unha fenta relicta do Terciario (Woodwardia radicans) e árbores escasas na provincia de Pontevedra como o lamagueiro (Ulmus glabra) aumentan a rica biodiversidad destes hábitats de bosque e contribúe na incrementar o seu vlor e necesidade de conservación. A fauna da zona, á lóxica presenza de especies do medio acuático como o migrador ameán ou reo (Salmo trutta trutta) que mesmo posúe un topónimo propio no río Alén: a “poza dos ameáns”, ou a lontra (Lutra lutra). Engade a posibilidade de desfrutar coa experiencia única de sentir o canto á noitiña do bufo real (Bubo bubo) nas abruptas e fraguentas penedías das Costas do Alén.
A barcia do Alén, a chaira asociada a este río e na que depositou perante milleiros de anos os materiais que arrincou das serras do Suído e Coto de Eiras, constituíu a base do noutrora puxante desenvolvemento agrogandeiro e económico da parroquia de Barcia de Mera. A explotación agraria sostible destas ricas terras aluviais do val, apoiada na actividade gandeira no monte comunal deu lugar á acumulación dun rico patrimonio etnográfico do que podemos desfrutar ó percorrer o roteiro do Alén, particularmente no tramo comprendido entre a ponte do Alén e Portafurado.
Segundo avanzamos no camiño acumúlanse as infraestruturas de comunicación que salvan o río Alén como a ponte de San Xoán de Mosteiro e a ponte do Alén así como os muros e pavimentos que delimitan a propia traza do camiño e que permitían comunicar os lugares nos que vivían e traballaban os veciños de Barcia de Mera. A xeralización a partires do século XVII de cultivos foráneos como o millo (Zea mays) e a patata (Solanum tuberosum) incrementou a produtividade destas xa de por si fecundas terras de fondo de val e a riqueza da parroquia. O esforzo dos habitantes, a renovada riqueza da terra e probablemente un certo peso político e administrativo por mor da estreita relación co mosteiro de Melón permitiron erixir verdadeiras xoias do patrimonio arquitectónico rural galego como a Igrexa de San Martiño de Barcia de Mera, a Casa Reitoral, e a Casa do Souto ou da Inquisición.
Paralelamente son mostras da necesidade de transformación da produción agraria co aproveitamento da forza da auga, os muíños dos que o mellor exemplo atopámolo no conxunto de muíños de Portafurado.