O río Tea.

O río Tea: espazo protexido da Rede Natura 2000

Que é a Rede Natura?
A Rede Natura 2000 é a rede de espazos naturais protexidos a escala da Unión Europea, creada con obxecto de salvagardar os hábitats e especies máis importantes de Europa. Componse de zonas especiais de conservación (ZEC), declaradas consonte a directiva sobre hábitats, e, ademais, das zonas especiais de protección para as aves (ZEPA), definidas segundo a directiva sobre aves.

A proposta galega para inclusión na Rede Natura 2000 está composta por 59 espazos ou lugares de importancia comunitaria (LIC). O sistema fluvial do Río Tea, dende Covelo ata a súa desembocadura no río Miño, é un deles.

Por que o Río Tea?
O río Tea é especial porque é un dos ríos mellor conservados do sur de Galicia en canto ás súas augas, ás súas ribeiras e á súa continuidade. Como hábitat acuático, sostén unha das comunidades de peixes máis diversas de Galicia, debido en parte á súa accesibilidade até os tramos altos para especies migratorias coma a anguía, a lamprea, o reo e o salmón atlántico. A combinación de augas limpas con orelas naturais e gran diversidade de plantas de ribeira crea o hábitat idóneo para moitos invertebrados, anfibios, mamíferos e aves ligados ao medio acuático, incluíndo rarezas como o auganeiro e endemismos como a píntega rabilonga. O bosque de ribeira, dominado polo amieiro e o salgueiro, é máis ou menos continuo e permite o funcionamento do río como gran corredor ecolóxico que conecta a serra do Suído co Baixo Miño e permite o movemento de animais, dende a lontra e o lobo, até o ouriolo e o picapeixe, por todo o seu curso.

A vida do río
No concello de Covelo, o río aínda se atopa no seu tramo medio-alto. As augas son cristalinas, ben osixenadas e con poucos nutrientes, o leito rochoso ou areoso e as marxes tipicamente van acompañadas por unha boa dotación de plantas emblemáticas dos ríos galegos, coma o fento real (Osmunda regalis), o pé de boi (Oenanthe crocata) e a cyperacea (Carex sp.). O Tea sobresae especialmente polos fentos das súas beiras, incluíndo, por exemplo, o escasísimo e ameazado Dryopteris guanchica, e o Dryopteris affinis, especie non citada en ningún outro lugar da provincia de Pontevedra.

Ao ser o tramo alto do río, a fonte de enerxía principal procede do ecosistema terrestre achegado, en forma de follaxe e ramallos. Por iso os invertebrados adaptados a aproveitar estes materiais –crustáceos, moluscos e moitas larvas de insectos- son os máis numerosos e forman a base da cadea trófica do río. Nos ríos galegos viven máis de 1.300 especies de macroinvertebrados, incluíndo uns 200 endemismos (que só se atopan en Galicia e en áreas limítrofes). As condicións no Tea son ideais para moitos deles, nel atópanse especies pouco comúns e protexidas, como o mexillón de río (Margaritifera margaritifera), as libélulas tizón esmeralda (Oxygastra curtisii) e o candil deGraslin (Gomphus graslinii).

Dos vertebrados, o Tea ofrécenos unha riqueza e diversidade case sen igual no sur de Galicia. Quizais os máis sobranceiros sexan os peixes. Ademais da súa boa dotación de troitas (Salmo trutta trutta), mantén poboacións importantes das especies migratorias máis emblematicas de Galicia; tanto as anádromas, que nacen no río e medran no mar: o salmónatlántico (Salmo salar), o reo (Salmo trutta fario) e a lamprea (Petromyzon marinus)), coma as catadromas, que nacen no mar e medran no río (a anguía, Anguilla anguilla). Quedan poucos ríos axeitados para os peixes que migran; a poboación do salmón nos ríos galegos, por exemplo, reduciuse nun 99% nos últimos cincuenta anos, principalmente debido ás presas construídas polos aproveitamentos hidroeléctricos dos ríos. O río Tea é excepcional en tanto que segue accesible, grazas en gran medida á demolición de presas e á construción de pasos para peixes nos últimos anos. No ano 2007 observáronse salmóns desovando na zona de Casteláns e na desembocadura do Alén.

Nas súas augas é tamén posible observar algúns dos mamíferos máis emblematicos de Galicia, dende a lontra (Lutra lutra) até o auganeiro (Galemys pyrenaica). Os mamíferos, ademais de gozar das augas limpas e dos peixes, anfibios e invertebrados dos que se alimentan, sobreviven no Tea grazas ás beiras naturais, que permiten a escavación de tobos, e ao bo estado da vexetación ribeirá e falta de presenza humana en longos treitos de ribeira. Os mesmos factores favorecen anfibios e réptiles, incluíndo varias especies endémicas no noroeste da Península Ibérica. Algunhas, como a ra patilonga (Rana iberica), son doadas de ver en moitos ríos galegos, pero outras, coma a píntega rabilonga(Chioglossa lusitanica), son moito menos comúns e a súa presenza no Tea representa unha xoia que ben merece a conservación.

Por último, é imposible visitar o río Tea sen decatarse da cantidade e diversidade de aves que se aproveitan dun xeito ou doutro das súas augas e refuxios. Ademais das moitas que veñen doutros hábitats, atopamos especies que están sempre ligadas á auga: dende a elegante garza real (Ardea cinerea), até diminutos pescadores como o picapeixe (Alcedo atthis) e o merlo rieiro (Cinclus cinclus).

O bosque de ribeira: un corredor para a natureza
A diferenza de moitos ríos galegos, o río Tea, e sobre todo o seu tramo medio-alto, está ben abrigado por un denso bosque de ribeira. Na beira da auga dominan case exclusivamente o salgueiro (Salix atrocinerea) e o amieiro (Alnus glutinosa), mentres que nas demais partes do fondo do val están mesturados con o salgueiro cincento (Salix salvifolia), freixos (Fraxinus angustifolia), bidueiros (Betula celtiberica) e carballos (Quercus robur), moitas veces cun sotobosque de abeleiras (Corylus avellana), loureiros (Laurus nobilis), espiñeiros (Crataegus monogyna) e sanguiños (Frangula alnus).

En xeral, existe unha transición gradual entre o bosque de ribeira e outro tipo de arboredo ao subir de cota. Nalgunhas zonas domina o bosque de frondosa, principalmente de carballo e con manchas de rebolo (Quercus pyrenaica), pero máis comúns son as plantacións de eucalipto e piñeiro. De máis interese ecolóxico que as plantacións forestais son as praderías e veigas de cultivo, que nas zonas onde o val é máis ancho ocupan as chairas. O mosaico de hábitats formado por estas terras agrícolas, en conxunto coas carballeiras e o bosque de ribeira, é tremendamente rico e amosa que a actividade humana tradicional do val do Tea é moi compatible coa biodiversidade.

O bosque de ribeira é un hábitat importante, pero igual de importante é a protección que lle ofrece ao río. Crea unha banda ancha de refuxio natural, que se estende de xeito máis ou menos continuo dende o Baixo Miño até a serra do Suído. Esta banda é importante para os animais do río, pero tamén para todos os outros animais que necesitan viaxar para atopar novos hábitats ou para cumprir diferentes partes dos seus ciclos vitais. Dende o teixugo(Meles meles) e o xabarín (Sus scrofa), que usan a súa protección cando baixan do Suído, até o azor (Accipiter gentilis) e o gaio (Garrulus glandarius), que o patrullan por todo o seu percorrido, o bosque de ribeira é a autovía da natureza.

Inventario biolóxico da conca alta do río Tea   arquivo PDF - 190 KB


 
  O Río Tea: espazo protexido Red Natura 2000. Concello de Covelo.