Present News



Educación renova todas as luminarias do colexio de Covelo
- 20/01/2023 -

A Xunta acomete a reforma de toda a instalación de iluminación do CEIP Antonio Blanco Rodríguez de Covelo cun investimento de 43.000€
 A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, vén de acometer a reforma e modernización integral de toda a instalación de iluminación do CEIP Antonio Blanco Rodríguez, no Concello de Covelo, cun investimento de 43.000 euros.
 
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, supervisou esta actuación, orientada a dotar ao centro de equipos con maior luminosidade e menor consumo, nunha visita realizada esta mañá a este centro público xunto ao alcalde de Covelo, Pablo Castillo; o xefe territorial de Educación, César Pérez; e outros representantes educativos.
 
“Dámoslle continuidade coa renovación de toda a iluminación ás melloras realizadas pola Xunta neste colexio público de Covelo tras reformar, o pasado curso, toda a súa instalación eléctrica e investir máis de 300.000 euros ao longo dos últimos anos nas súas instalacións para modernizar a carpintaría exterior, a cuberta do edificio principal e do pavillón, a sala de caldeiras, o patio, as fiestras ou o ascensor”, detallou o representante autonómico.
 
Esta obra, centrada nas accións de eficiencia enerxética da Consellería de Educación para mellorar as condicións lumínicas dos centros e reducir a factura, consistiu na instalación de case 400 equipos e máis de 390 metros de cableado e está practicamente rematada a falla de que se executen nestes días algúns remates e se fagan algúns axustes no novo sistema.
 
En concreto, colocáronse 281 novos equipos de luminarias Led con sistemas regulables e non regulables, 27 pantallas estancas de Led que se ubicaron principalmente no pavillón do colexio, 17 equipos de regulación -un por aula-, 61 sistemas de detección de movemento para aseos e pasillos para controlar e optimizar o funcionamento da iluminación e dez proxectores exteriores nas fachadas.


<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade