Actualidade e Noticias



Coñece o río Alén e as súas ribeiras, este domingo en Covelo
- 05/10/2022 -

Aberto xa o prazo para inscribirse no roteiro do río que se oferta totalmente de balde
A concellería de Turismo do Concello de Covelo informa da apertura do prazo de inscrición para o roteiro do río Alén e Barcia de Mera que terá lugar este domingo día 9 de outubro.


De trazado lineal e dificultade doada, as e os participantes percorrerán 10 quilómetros para descubrir a riqueza natural das ribeiras do río Alén. O punto de encontro será os muíños de Portafurado en Barcia de Mera ás nove da mañá e o número de teléfono para realizar a inscrición o 654 500 652.


Vintecinco participantes coñecerán o roteiro do río Alén que percorre parte do territorio da parroquia de Barcia de Mera tendo como eixo o cauce fluvial e o val de aluvión deste río que aporta as súas augas ó río Tea (ambos forman parte da Rede Natura 2000, a rede europea de espazos naturais protexidos), constituindo no seu conxunto unha das redes fluviais mellor conservadas do sur de Galicia en canto a calidade das súas augas, os seus hábitats de ribeira, e especies animais e vexetais.


Ao comezar o roteiro atopamos o conxunto abacial de San Martiño de Barcia de Mera, unha obra de altísimo valor patrimonial. De seguido percorremos a barcia do Alén ata a aldea de Caxil e Alén, onde o roteiro chega ata a capela de San Xoán de Mosteiro e o seu cruceiro. Alí comeza unha fermosísima circular no bosque e matogueira de ribeira atlántica, visitando a ponte medieval do Alén e a "Fonte Santa". O camiño de volta retornaremos ós muíños de Portafurado pola mesma senda.


O concello de Covelo oferta esta actividade guiada totalmente de balde en colaboración coa Deputación de Pontevedra e dentro da programación anual que permite á cidadanía gozar dunha oferta de lecer estable e organizada, “as visitas guiadas son todo un éxito e sempre quedan persoas en listaxe de espera ás que lle damos a oportunidade de participar noutra data porque ofertamos a actividade varias veces ao longo do ano. Apostamos por propostas que conten con guías e persoal especializado para que as e os participantes lle saquen maior partido e ademais de pasar o tempo aprendan e poñan en valor”, explica Lourdes Enes, concelleira de Turismo.


O concello de Covelo oferta rutas guiadas cada primeiro fin de semana de mes ao serradoiro dos Carranos, cada segundo fin de semana de mes cos roteiros e completa a súa oferta coas excursións, tamén guiadas, áo Museo Pazo da Cruz e as experiencias de observación de estrelas.


As rutas do Museo Pazo da Cruz

As excursións e visitas do Museo Pazo da Cruz son guiadas polo propietario e director do Museo Etnográfico Pazo da Cruz, Maximino Fernández Sendín. Con saída dende a praza Mestre Cerviño na que se explicará a historia e principais características do Cruceiro dos Aflixidos de Cerviño, a continuación visita ó Museo Etnográfico Pazo da Cruz en A Hermida, á Casa Leónides en A Graña, ós Chozos da Serra do Suído e á Capela da Xestosa. O desprazamento realizarase en autobús.


O serradoiro dos Carranos

O Serradoiro dos Carranos utiliza a forza motriz da auga para move-la serra e foi construído aproximadamente no 1922, coincidindo curiosamente coa construción da central hidráulica de Chicoreiras, que producía a luz para o entorno. A súa construción fíxose en pedra e escavando a rocha do lugar aínda que despois foi reconstruido en ladrillo. O conxunto do serradoiro consta de catro edificacións: o serradeiro propiamente dito, un sequeiro e almacén de madeira, unha pequena forxa e un pequeno almacén. Tamén podemos apreciar un pequeno forno para a queima de residuos e os raís para o transporte de madeira ata o interior do serradoiro. A dedicación principal deste conxunto era a fabricación de carros, dedicación á que debe o nome o serradoiro e razón pola cal podemos atopar unha forxa, xa que as ferraxes para estes carros tamén se forxaban aquí. A localización do serradoiro tamén ten que ver con esta dedicación xa que se sitúa á beira do camiño empedrado que levaba a Ourense, polo que pasa hoxe en día o sendeiro.

http://www.concellodecovelo.es/carranos/index.html


Observar as estrelas

Para as/os interesadas/os nas experiencias de observación das estrelas en plena natureza, ofrécense saídas dende a Igrexa de San Salvador de Prado para facer parte da Ruta de As Estrelas ata a Serra do Faro na parroquia de San Salvador de Prado, onde se atopa o miradoiro e observatorio astronómico Alto do Castelo, recentemente declarado paraxe Starlight. As e os participantes poderán contar con telescopios adecuados e coas explicacións de técnicos da Asociación Galega de Astronomía.



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade